Rutas a pé
Ruta dos muíños de Samieira
Inicio:
Praza de Alfredo Romay Besada (San Xoán de Poio).
Distancia:
5,5 quilómetros (ida e volta).
Dificultade:
Baixa.
Este itinerario percorre un total de 23 muíños ao longo do curso do río Freiría, tamén chamado Rego dos Muíños ou Rego dos Frades. Segundo a tradición este nome débese a que, no nacemento do río, no lugar de O Busto, un nobre convertido a frade edificou un mosteiro do que non quedan restos.
A senda parte da Praza de Alfredo Romay, desde o denominado Muíño de Cubo de Abaixo e transcorre río arriba sempre pegado á beira atravesando bosques de ribeira con freixos, bidueiros, abeleiras, salgueiros e carballos. Todo o percorrido está acondicionado para o paseo por un camiño de terra con numerosas pasarelas de madeira para evitar desniveis e vadear a corrente. Existen ademais zonas acondicionadas para o descanso con mesas e bancos.

Sendeiro Azul ano 2025
Esta ruta pertence á rede de Sendeiros Azuis creada pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor ADEAC
A Senda do Laño
Inicio:
Peirao de Covelo (Covelo-Samieira).
Distancia:
1,2 quilómetros.
Dificultade:
Baixa.
Esta senda percorre parte da costa de Samieira, pasando por pequenas calas e zonas de carballeira. O percorrido é de baixa dificultade e posúe unha lonxitude total de 1,2 quilómetros. O camiño comeza no Peirao de Covelo e discorre pola costa da parroquia de Santa María de Samieira, pasando polas praias de Covelo, O Caeiro e Laño. Ao final da ruta pódense contemplar as fermosas vistas da ría de Pontevedra desde o miradoiro de Laño. Moi cerca atópase unha das rutas de sendeirismo máis bonitas da localidade, a Ruta dos Muíños de Samiera.

Sendeiro Azul ano 2025
Esta ruta pertence á rede de Sendeiros Azuis creada pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor ADEAC
Variante Espiritual do Camiño de Santiago
Inicio:
Fragamoreira (San Xoán de Poio)
Distancia:
10 quilómetros aproximadamente (polo municipio de Poio).
Dificultade:
Baixa.
Polo municipio de Poio pasa a denominada “Variante Espiritual” do Camiño de Santiago. Trátase dun itinerario que une dúas rutas xacobeas: o “Camiño Portugués” e o “Camiño do Mar”, atravesando as terras do Salnés e Arousa. Divídese en tres etapas que suman un percorrido total de 73 quilómetros partindo da cidade de Pontevedra na Praza da Peregrina. A última etapa é a tamén denominada da Traslatio, porque reproduce o percorrido por mar dos restos do apóstolo Santiago ata Padrón.
O paso do Camiño por Poio comeza polo lugar de Fragamoreira (San Xoán de Poio). Nos seus primeiros quilómetros o trazado coincide coa Ruta do Padre Sarmiento. A primeira parada importante é o Mosteiro de San Xoán de Poio e desde aquí continúase ata a enseada da Reiboa – A Seca, onde podemos visitar o Parque da Memoria. O traxecto segue pola costa ata o núcleo histórico de Combarro, onde se separa da Ruta do Padre Sarmiento para tomar dirección norte cara ao mosteiro de Armenteira en terras do concello de Meis.
Esta ruta está galardoada coa distinción de “Sendeiro Azul 2025” outorgada pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor ADEAC

Sendeiro Azul ano 2025
Esta ruta pertence á rede de Sendeiros Azuis creada pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor ADEAC
Senda da Ostreira - Sendeiro litoral de Poio
Inicio:
Peirao de Campelo (San Xoán de Poio).
Distancia:
1,8 quilómetros.
Dificultade:
Baixa.
O nome deste percorrido débese a que transcorre por unha área litoral que antano era das de maior produción de ostra na ría. De feito, neste lugar edificouse en 1868 o primeiro parque de ostricultura da península Ibérica. Porén, co paso do tempo a sobreexplotación do recurso fixo desaparecer a actividade, aínda que deixou pegada na toponimia.
A senda ten unha lonxitude de 1,8 quilómetros, é de ida e volta e presenta unha dificultade baixa. Pódese iniciar no peirao de Campelo en San Xoán de Poio. O camiño transcorre pola costa con fermosas vistas da ría de Pontevedra, a illa de Tambo e o Illote dos Ratos, ata a Área Recreativa da Seca. Desde esta zona pódese continuar o paseo pola Ruta dos muíños da A Freixa.

Sendeiro Azul ano 2025
Esta ruta pertence á rede de Sendeiros Azuis creada pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor ADEAC
Ruta da Freixa
Inicio:
Área Deportiva de A Seca (San Xoán de Poio).
Distancia:
1,8 quilómetros (ida e volta).
Dificultade:
Baixa.
O itinerario comeza e finaliza na desembocadura do regato da Cancela, coincidindo coa Área deportiva de A Seca e o Parque da Memoria, deseñado polo premio Nobel Adolfo Pérez Esquivel. O percorrido transcorre río arriba e, nun tramo de menos dun quilómetro, pásase por nove muíños dos cales sete se atopan restaurados. O coñecido como Muíño de Arriba foi ademais integramente rehabilitado con toda a maquinaria para o seu funcionamento. Ademais dos muíños son de enorme interese os pasos (“pontellas”) para cruzar o río, os tramos empedrados do camiño, ou os canais que conducían auga aos “rodicios”, como o do Muíño da Bufa de 40 metros de lonxitude.
O camiño desenvólvese por unha zona de alto valor ecolóxico, entre ameneiros, salgueiros, bidueiros e carballos. Unha boa oportunidade para observar fauna variada, desde aves como lavandeiras reais, réptiles como o lagarto arnal ou anfibios como píntegas e ras ibéricas.
Ruta do Padre Sarmiento
Inicio:
Mosteiro de San Xoán de Poio (San Xoán de Poio).
Distancia:
12 quilómetros aproximadamente (polo municipio de Poio).
Dificultade:
Baixa.
Esta ruta reproduce o camiño que realizou en 1745 o monxe ilustrado Frei Martín Sarmiento na súa peregrinación a Compostela e que documentou na súa obra «Viaje a Galicia». O percorrido total de 190 quilómetros atravesa os concellos de Pontevedra, Poio, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Cambados, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa e Vilagarcía, Catoira e Pontecesures.
Polo concello de Poio o itinerario atravesa aproximadamente 12 quilómetros da primeira etapa (Pontevedra – Sanxenxo). Desde Pontevedra chégase polo lugar de Fragamoreira e o primeiro gran punto de interese é o Mosteiro de San Xoán de Poio. Desde aquí o camiño continúa en dirección á costa ata a enseada de Reiboa – A Seca, pasando polo Parque da Memoria. A partir deste punto o traxecto é completamente litoral e chega ata o núcleo histórico de Combarro para seguir en dirección oeste polas praias de Chancelas, Ouriceira, Area da Barca, Covelo, Laño, e Raxó. A partir do núcleo de Raxó (San Gregorio de Raxó) o camiño continúa polo concello de Sanxenxo.
Fervenzas do Pereiro
Inicio:
Pereiro de Abaixo (San Xoán de Poio).
Distancia:
1,5 quilómetros (ida e volta).
Dificultade:
Baixa.
Esta ruta transcorre polas beiras do regato do Pereiro, unha corrente fluvial nacida de varias fontes que conflúen na Cachada da Randa e desemboca na enseada de A Reiboa – A Seca, xusto ao lado do Parque da Memoria.
O percorrido iníciase en A Ponte Vella, na zona superior do lugar e sobe polo sendeiro atravesando un característico bosque de ribeira ao longo do cal pasamos por varias pontes de madeira e ata tres muíños abandonados. Un dos principais atractivos da ruta son as fervenzas. A primeira, chamada A Pindilleira localízase a 475 metros do inicio e ten case 7 metros de altura. A fervenza da Freixa Alta, sitúase xusto ao final do sendeiro e ten unha altura de 10 metros. A dificultade da ruta é baixa, pero débese ter en conta que conta con maiores desniveis que outros itinerarios de Poio.