Casa Museo de Colón
O museo ofrece un percorrido polas diferentes hipóteses que apoian a orixe galega de Colón, dende os primeiros traballos de finais do século XIX de Celso García da Riega ata os estudos máis recentes. Os principais argumentos son a toponimia galega empregada na xeografía do descubrimento; a linguaxe utilizada por Colón nos seus escritos, con abundantes xiros típicos do sur de Galicia e a presenza dos apelidos Colón e Fonterosa (apelido materno) nas terras de Pontevedra da época.
O complexo configúrase arredor de 3 edificios: dúas antigas casas rehabilitadas, vinculadas á familia Colón e identificadas como casa natal do navegante e unha construción de nova creación. O espazo museístico, tamén coñecido como A Casa da Cruz, acolle unha exposición permanente onde a través de pantallas, maquetas, bibliografía e vídeos ofrécese ampla información sobre a figura do navegante.
Unha carta náutica do 1500
A casa museo conta cunha réplica da nao Santa María e tamén se exhibe o documental “Pontevedra, cuna de Colón”, realizado en 1927 polo cineasta Enrique Barreiro cunha pioneira técnica de coloreado, o cinecromo. Aínda que, sen dúbida, a peza máis destacada é unha réplica a tamaño real (93 por 183 centímetros) da carta náutica debuxada no ano 1500 polo navegante Juan de La Cosa.
Un museo en rede
A casa museo de Colón está integrada na Red de Espacios Museísticos Atlánticos (REMA), especializada en contidos relacionados coa cultura mariñeira, xunto a outros 34 centros galegos e portugueses (https://www.redrema.eu/museo-casa-colon-poio-2/).
Para ampliar información sobre os contidos e a teoría do Colón de Poio, visita o blog da Casa Museo.
Horarios e servizos do museo
Praza de Cristóbal Colón, S/N. Portosanto. 36163 San Salvador de Poio. C8JR+3Q Poio
HORARIO:
A partir do 24/06 de martes a venres de 09:45 a 14:30. Sábados de 10:00 a 14:30. Domingos e luns: pechado.
Teléfonos: 986 187 172 /986 833 204/Tel. 986 770 001 ext. 1314
Correo: museocolon@concellopoio.gal
Redes sociais:
Facebook @CasamuseoCristobalColon
Instagram @museocolonpoio
Twitter @MuseoColon