Festas e eventos
Corpus Christi (xuño)
Festa relixiosa destinada a celebrar a Eucaristía que ten unha relevancia especial nas parroquias de Combarro, Samieira, San Xoán e San Salvador polas alfombras florais que engalanan as rúas e as prazas. En Combarro, as alfombras florais adornan as rúas do Conxunto Histórico e do Camiño Real ata a igrexa de San Bernardo. Nas parroquias de San Xoán e San Salvador tamén se confeccionan estas alfombras efémeras no entorno das igrexas. En Samieira, un dos actos máis destacados é o baile do Ramo, unha tradición que se remonta ao século XIX.
San Xoán (do 23 ao 26 de xuño)
A Festa ou Noite de San Xoán, a máis curta do ano, é unha das festas con máis arraigamento en Galicia para dar a benvida ao verán no solsticio. Realízanse tradicións e rituais de purificación como acender e saltar as fogueiras ou lavarse coa auga das herbas de San Xoán. En Poio celébrase dunha maneira especial, pois o Mosteiro erixiuse en honor a San Xoán Bautista e son as festas patronais do municipio.
As celebracións comezan o día 23 de xuño coa recollida de herbas pola tarde e á medianoite ten lugar o acendido da fogueira, que se acompaña cunha sardiñada popular con pan de millo e viño do país, ademais dunha verbena musical.
Os actos relixiosos desenvólvense na igrexa do Mosteiro de San Xoán os días 24 (en honra a San Xoán), 25 (en honra a Santa Trahamunda, patroa da morriña) e 26 de xuño (en honra a San Frutuoso). Polas noites, a explanada de A Seca acolle as actuacións musicais e verbenas.
Festa da Merced (23 e 24 de setembro)
A devoción á Nosa Señora da Mercé remóntase ao asentamento da Orde Mercedaria no Mosteiro de Poio en 1890. O 23 de setembro, sobre as dez da noite, unha procesión coa imaxe da Virxe sae do antigo Sanatorio da Mercé (San Salvador), e no último tramo do camiño conflúe coas procesións procedentes da capela Nosa Señora de Fátima de Campelo, e da igrexa de San Bernardo de Combarro, para percorrer xuntas o traxecto ata o Mosteiro de Poio. Alí celébrase unha misa nocturna tras a que se reparte roscón e queimada. O día 24 de setembro, festivo local, celébranse tamén actos litúrxicos e festivos.
Todas as parroquias de Poio celebran festas en honor aos seus patróns ou patroas e outras santidades, con alboradas, pasarrúas, misas, procesións e verbenas. Algunhas delas son:
Festas do Divino Salvador de Poio (6 e 7 de agosto)
Festa de San Roque de Combarro (16 de agosto)
Festa de San Gregorio de Raxó (marzo)
Festa de San Antonio de Samieira (xuño)
Festa do Mexillón (15 de agosto)
Desde 1994, a asociación cultural Ateneo Corredoira organiza, no marco da súa Semana Cultural, a degustación de mexillóns na Praza da Chousa de Combarro, na véspera de San Roque. Este produto da ría pode gozarse en diversas elaboracións.
Un dos eventos máis emblemáticos é o encontro na capela situada no lugar de Xuviño para acompañar á Virxe da Renda na súa tradicional ‘baixada’. Trátase dun acto relixioso que congrega a decenas de fieis que, xunto a grupos de música tradicional, acompañan á procesión ata o templo de San Roque.
Festa dos Callos (2º domingo de setembro)
A explanada de A Seca (San Xoán) acolle desde o ano 2007 a Festa dos Callos, organizada pola Asociación Veciñal Boureante. Consiste nunha degustación deste guiso de carne con garavanzos, e outros produtos gastronómicos a prezos populares, animación e música tradicional.
Festa da Ameixa (3º fin de semana de setembro)
O evento gastronómico máis antigo de Poio naceu en 1988 en Campelo, impulsado pola Asociación Veciñal de Campelo e a Confraría de Pescadores, para promocionar a ameixa babosa da ría de Pontevedra. A partir do 1992 o Concello de Poio asume a organización da festa, que na actualidade celébrase coa degustación de ameixas (á mariñeira, con fideos ou con arroz), a homenaxe ás persoas xubiladas do marisqueo, música tradicional na Praza da Granxa, actuacións, concertos e outras actividades de lecer.
Entroido
Festa popular de entroido de gran tradición en Galicia, que comeza tres días antes do mércores de Cinza. É unha época de divertimento e burla en Poio, onde o Galo Fodorico e o Galo Bruxo son protagonistas pola súa singularidade e o seu arraigamento.
Na mañá do primeiro domingo, o Galo Bruxo desfila por Samieira, e pola tarde celébrase o desfile de entroido en San Xoán de Poio co Galo Fodorico.
Desde o ano 2012, ao enterro do Galo Fodorico incorporouse a Festa dos Choqueiros, a figura tradicional do entroido que se atavía con prendas estrafalarias. O concurso na Praza de Arís, que revive a tradición de disfrazarse con roupas vellas e chamativas, acompáñase con comida típica da época amenizada con música e baile. Celebracións semellantes son os enterros do Berberecho en San Salvador e do Galo Bruxo de Samieira, onde tamén se celebra a festa da Filloa.
Bailes de disfraces, actividades e desfiles organizados por asociacións veciñais como o Enterro do Mexillón en Combarro, fan do entroido de Poio un dos máis completos, animados e extensos da comarca.
Os Maios (1 de maio)
A praza do Mosteiro de San Xoán énchese de vexetación, cor e música para celebrar a festa ancestral que dá a benvida á primavera. Organízase un vistoso concurso ao mediodía no que se premian as mellores composicións. En Poio, esta festa interxeracional está moi arraigada. Destacan as coroas, as representacións de barcos e as coplas satíricas que repasan os feitos ocorridos ao longo do ano. Pola tarde, os maios participantes trasládanse á Praza de Chousa de Combarro, onde pode gozarse de novo da súa exhibición e actuación.
Festa do Cabalo (finais agosto)
Esta festa popular celébrase no monte de A Escusa, situado no monte Castrove (San Xoán), nas Comunidades de Montes de Poio e Meis. Coñecida como a “Rapa das bestas”, é o momento do ano en que os aloitadores baixan do monte aos cabalos salvaxes para proceder ao seu marcaxe e venda de potros no recinto pechado denominado “curro”. A festa consiste en botar o lazo e apresar aos cabalos para posteriormente cortarlles as crinas. Para iso, os mozos utilizan unicamente a forza dos seus brazos e pernas nunha loita corpo a corpo co animal.
Magosto (novembro)
Festa de outono que se celebra en todas as parroquias cunha degustación de castañas asadas, viño novo e música tradicional. Destaca a Festa da Castaña de San Martiño (en San Xoán de Poio) que ten lugar a véspera do 11 de novembro, coincidindo coa festividade do seu santo.
Festa do Mar (finais de agosto)
Desde o 2001 Combarro acolle un evento que une gastronomía, música e cultura mariñeira cun amplo abano de actos para todo tipo de públicos.
O programa desta festa ofrece diversas actividades (música, conferencias, exposicións, gastronomía, actuacións..) entre as que destaca a “Concentración de Embarcacións Tradicionais” organizada polo Club Mariño A Reiboa e o Festival “Armadiña Rock” organizado pola Asociación cultural, deportiva e medioambiental Armadiña.
Samaín en Campelo (finais de outubro)
A poboación de Campelo (San Xoán), xunto á Asociación de Mulleres Arela, celebra a festa de orixe pagá do Samaín no fin de semana anterior ao 1 de novembro na Praza da Granxa e a súa contorna. As fachadas das súas casas e rúas son adornadas e decoradas con elementos propios desta época do ano, como as cabazas.
Neste evento, destinado a todas as idades, realízanse obradoiros, concursos e actividades de animación. Ao anoitecer, sobre as 19.30 horas, comeza a “corredoira” ou pasarrúas do terror, na que participan os nenos/as maiores de cinco anos que, acompañados dunha persoa adulta, percorren a localidade. Un xurado premia a casa mellor engalanada con ocasión desta celebración.